A Universidade de Vigo: unha universidade excelente para Galicia 7 de nov. de 2011

Visto 2010 veces

A Universidade de Vigo: unha universidade excelente para Galicia

UNHA UNIVERSIDADE PARA O SUR DE GALICIA. Transcorridas dúas décadas desde a súa creación, a Universidade de Vigo segue a traballar, coa vista posta no futuro, na súa consolidación como institución académica no panorama nacional e internacional. Modernidade, atrevemento e pluralidade son os sinais de identidade dunha institución académica que, na súa breve historia, foi quen de se desenvolver atendendo ás necesidades de formación do alumnado, así como ás da sociedade en que se insire. Para tal efecto, a Universidade de Vigo conta con tres campus perfectamente dotados para atender as necesidades dos aproximadamente 25.000 membros que integran a comunidade académica formada por estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos. Case 60 titulacións, entre elas cinco propias, repartidas en case trinta centros, compoñen a día de hoxe a oferta educativa da Universidade de Vigo, en que están presentes os ámbitos tecnolóxico, xurídico-social, humanístico e científico. Desde o curso 2010-2011 dispoñemos dun mapa de titulacións totalmente transformado consonte ás directrices de Boloña e no que o grao, o mestrado e o doutoramento son protagonistas dun novo escenario do sistema universitario. Estamos en perfecta harmonía co Espazo Europeo de Educación Superior e seguimos a nosa andaina polo camiño cara a excelencia.

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor, Universidade de Vigo