Premio Valor Solidario 12 de nov. de 2015

Visto 947 veces

Premio Valor Solidario

A Gala do Deporte Universitario regresa este ano a Vigo para celebrar a súa vixésimo cuarta edición. Organizada polo Servizo de Deportes, esta cita anual busca recoñecer o esforzo, a constancia, o afán de superación, a xenerosidade, a solidariedade e o traballo en equipo de aquelas persoas ou colectivos que, dentro e fóra da Universidade de Vigo, destacan tanto polos seus éxitos nas diferentes competicións como polo seu labor de difusión dos verdadeiros valores da práctica deportiva. O vindeiro 19 de novembro (20.00 h), numerosos membros da comunidade universitaria, deportistas e afeccionados daranse cita no Centro Social Afundación de Vigo para gozar dunha gala que estará dirixida pola xornalista Noelia Otero e na que a madriña será Begoña Fernández, a mellor xogadora galega de balonmán de todos os tempos, recentemente retirada tras 18 anos na elite deportiva recollendo éxitos, como un bronce nas Olimpíadas de Londres de 2012. Nesta edición da Gala do Deporte Universitario desfilarán polo escenario para recoller as súas estrelas importantes nomes do eido deportivo, como o xogador do Celta Borja Fernández, que recibirá o Premio Deportista Universitario do ano, ou o empresario e atleta Eduardo Vieira, principal promotor da media maratón Vig-Bay, que recollerá o IV Premio Vida pola súa traxectoria persoal e deportiva. Outro dos grandes protagonistas da noite será o director da EU de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, Patricio Sánchez, que recibirá a mención especial ao persoal propio por ser o primeiro responsable do Servizo de Deportes e polo seu apoio constante a todas as iniciativas levadas a cabo. Mentres, o judoca máis laureado da historia e con máis campionatos de España universitarios, Miguel Romero, recollerá a mención á persoa egresada.

Presenta: Noelia Otero
Xornalista
Organiza: Servizo deportes
Universidade de Vigo