Clausura del proyecto ecoRaee 11 de xuño de 2015

Visto 704 veces

Clausura del proyecto ecoRaee

Tras tres anos de intenso traballo entre cinco departamentos da Universidade de Vigo, Revertia e EnergyLab, o proxecto EcoRaee conclúe cunha clara conclusión: a reutilización dos aparellos eléctricos e electrónicos é máis eficiente que a reciclaxe. Na actualidade, a meirande parte destes produtos son reciclados, fundindo as súas pezas para fabricar outros novos, pero moitas das súas compoñentes son altamente contaminantes. Organismos europeos estiman que o 4% do lixo xerado no continente é electrónico e calcúlase que para 2020 trataranse de forma inadecuada 4,3 millóns de toneladas cada ano de ordenadores, móbiles ou consolas. A reutilización xorde como alternativa ao proceso de reciclaxe, recuperando os aparellos, reparándoos e dándolles unha nova vida. Segundo as análises e demostracións levadas a cabo ao abeiro do proxecto EcoRaee nos últimos anos, non é só unha alternativa, senón que é un proceso máis eficiente e optar pola reutilización fronte á reciclaxe supón un aforro de 45 euros en custes ambientais por cada aparello tratado. Así o explicou José Antonio Vilán, comisionado para o Vigo Tecnolóxico, que fixo o balance final desta iniciativa xunto co reitor da Universidade, Salustiano Mato. EcoRaee é o sexto dos 35 proxectos seleccionados na convocatoria 2011 do programa da Unión Europea LIFE+ dentro do subprograma de política medioambiental e gobernanza. Para os tres anos de duración contou cun orzamento total de 1.269.155 €, dos que a UE achegou 622.038 €. “O obxectivo era demostrar o proceso de reutilización de RAEE dirixido a propoñer políticas de regulamentación de conformidade coa lexislación da UE”, explica Vilán. Por parte da Universidade, participaron no proxecto cinco departamentos: Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Informática, Economía Aplicada e grupo REDE e Dereito Ambiental, xunto coa Oficina de Medio Ambiente. Fonte: DUVI

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor, Universidade de Vigo