Gañador da final da III Liga de Debate da Universidade de Vigo. 2015 e clausura 9 de dec. de 2015

Visto 1025 veces

Gañador da final da III Liga de Debate da Universidade de Vigo. 2015 e clausura

Dous equipos maioritariamente femininos e formados por estudantes da Facultade de Dereito do campus de Ourense enfrontáronse na gran final. Finalmente, a vitoria foi para Iuris et de Iure, que por sorteo previo tivo que defender a postura de que as intervencións militares non son axeitadas como medida para combater o terrorismo. Foi un debate moi axustado arredor desta cuestión de actualidade no que gañaron todas as persoas participantes, que aprenderon a importancia de expor bos argumentos á hora de defender unha postura, sexa cal sexa. Segundo explica Pablo Raúl Bonorino, profesor de Filosofía do Dereito promotor desta actividade desde o campus de Ourense, na final competiron dous equipos formados por alumnas e alumnos da Facultade de Dereito. O grupo As Argumentistas, que tivo que defender a posición afirmativa no debate, e o grupo Iuris et de Iure, que por sorteo debeu defender a posición negativa. “O debate estruturouse en catro quendas de palabra alternados, o primeiro de cinco minutos e os restantes de catro, polo que tivo unha duración de 34 minutos. Ao final o xurado, composto por unha profesora de Humanidades, un profesor de Ciencias e un ex alumno de Dereito que competiu en ligas fóra da nosa Universidade, decidiu por moi pouco e por maioría ao equipo gañador”, comenta o docente. Participación de once equipos Con esta final péchase a terceira edición da Liga de Debate, que se iniciou no campus de Ourense o mércores 2 de decembro celebrando unha fase clasificatoria e celebrándose unha clase maxistral sobre a argumentación en debates, co obxectivo de que as persoas que non tivesen experiencia na materia puidesen incorporarse á actividade axeitadamente. A participación foi por equipos, que debían ter un mínimo de dous participantes e un máximo de catro. En total competiron once equipos, oito da Facultade de Dereito, un de Historia, un de Ciencias da Educación, concretamente de Traballo Social, e outro composto por alumnos e alumnas de Francia, México e Brasil que están este cuadrimestre no campus de Ourense ao abeiro dalgún programa de mobilidade internacional, como o Programa Erasmus. O debate da final foi aberto por Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, e pechado por José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, que fixo entrega dos premios aos gañadores e gañadoras desta terceira edición da Liga de Debate da Universidade de Vigo. O evento foi gravado por UvigoTV, polo que desde a organización convidan a todas as persoas que non puideron asistir a velo a través desta canle.

Presenta: Pablo Raúl Bonorino Ramírez
Profesor Titular de Teoría e Historia dos Dereitos Humanos, Universidade de Vigo
José María Faílde Garrido
Vicerreitoría Campus Ourense, Universidade de Vigo

Vídeos da mesma serie
Debate 1. Son adecuadas as intervencións militares como medio para combatir o terrorismo?
P.1. Defensa positiva vs N.1 Defensa positiva
9 de dec. de 2015
Debate 2. Son adecuadas as intervencións militares como medio para combatir o terrorismo?
P.1. Defensa positiva vs N.1 Defensa positiva
9 de dec. de 2015