Siluetas Furtivas, I Certame Cicloxénico de Ilustración e Videocreación. Entrega de premios 16 de feb. de 2016

Visto 1608 veces

Siluetas Furtivas, I Certame Cicloxénico de Ilustración e Videocreación. Entrega de premios

Entrega de premios

RESOLUCIÓN DO I CERTAME CICLOXÉNICO: SILUETAS FURTIVAS. PREMIO DO XURADO O xurado do I Certame Cicloxénico de Ilustración e Videocreación: Siluetas Furtivas, composto por: -Manuel Forcadela: escritor, investigador e crítico literario, coñecedor directo da obra de Lois Pereiro. -Alexandre Cancelo: director e guionista de cine, autor xunto co xornalista Iago Martínez do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro. -Roberto Pascual: crítico e investigador das artes do espectáculo, director artístico da MIT de Ribadavia. -Xacove Pérez Fontán: pintor e debuxante. -Xandra Táboas Martínez: creadora escénica e representante da organización Cicloxénese Cultural e Asociación Trabalingua. Reunido o venres 12 de Febreiro ás 11:30h na Facultade de Filoloxía e Tradución do Campus Universitario de Vigo, determinou outorgar os seguintes premios: Premio do Xurado Siluetas Furtivas de Ilustración para Interludio atroz de Lois Pereiro de Alba Casanova Fernández (Galicia, Valencia). O xurado destacou a súa perfecta conxunción imaxe-texto Acróstico, alén da inclusión da técnica do "collage" e a súa achega ó mundo interno loisiano en relación estreita coa estética surrealista. Premio do Xurado Siluetas Furtivas de Videocreación para Declaración de Irene Basanta Pin (Lugo). O xurado destacou a súa conexión co contexto político, cultural e social actual en relación directa co compromiso político e social loisiano de Modesta Proposición, alén da súa acertada construción rítmica e ambientación sonora a través do uso da voz coral. O xurado no seu interese e aposta por dar visibilidade e recoñecemento á creatividade e calidade dos distintos traballos recibidos, resolveu outorgar as seguintes mencións especiais, xunto coa súa recomendación de edición en Astromántica Cartoneira e proxección no Festival Curtopia: Mención Especial do Xurado Siluetas Furtiva de Ilustración para Cartografía de Javier Prieto González (Santiago de Compostela) pola súa achega ó mundo da banda deseñada e emprego da técnica do "collage". Mención Especial do Xurado Siluetas Furtivas de Ilustración para Tan azul... de Rebeca Lar (Rebeca López Villar, Vigo) pola súa aposta conceptual e emprego do elemento textual como configurador de imaxes. Mención Especial do Xurado Siluetas Furtivas de Videocreación para Remorsos de Manuel Valcárcel Cabo (Monforte de Lemos) pola ambientación espacial en consonancia co mundo loisiano, a súa calidade fotográfica e emprego da imaxe metafórica. O xurado tamén destacou na categoría de Videocreación a ambientación espacial e sonora de Acróstico (Iria Silvosa, Vilalba), a disposición e iuxtaposición texto-imaxe de EnLisboaSigloDublin (Yago Rodríguez Barril, Vigo) e a aposta conceptual en Trasmigración (Celia Parra Díaz, A Coruña). PREMIO DO PÚBLICO O público de Facebook decidiu outorgar os seguintes premios: Premio do Público Siluetas Furtivas de Ilustración para Atrocity Exhibition de Carlos Rodríguez Bautista (O Porriño) con 129 gústames. Resaltar que Interludio atroz de Lois Pereiro de Ala Casanova Fernández foi realmente a ilustración gañadora con 141 gústames. Mais por non repetir o premio a organización decidiu premiar ó 2º traballo que obtivo máis gústames. Premio do Público Siluetas Furtivas de Videocreación para Acróstico de Iria Silvosa (Vilalba) con 25 gústames.

Presenta: Xandra Táboas