Hoxe “é un día grande para a sanidade galega” 5 de dec. de 2017

Visto 262 veces

Hoxe “é un día grande para a sanidade galega”

A primeira muller galega en licenciarse en Medicina en 1925 e en abrir unha consulta de xinecoloxía en Vigo, tres anos despois, dá nome ao edificio Cacti-Cinbio do campus vigués. Olimpia Valencia López foi ademais unha galeguista comprometida e unha precursora da igualdade de xénero, dúas condicións que lle foron recoñecidas neste acto de inauguración do edificio que acolle o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, Cacti, e o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, ademais do Servizo de Bioexperimentación. A secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, presidiu un acto, no que ademais do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e os conselleiros de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria e Sanidade, Román Rodríguez e Jesús Vázquez, participaron as directoras dos centros África Gónzalez (Cinbio) e Irene Alejo (Cacti) e unha representación das 200 investigadoras e investigadores e persoal técnico que conforma o cadro de persoal. O acto comezou co descubrimento dun totem coa biografía de Olimpia Valencia e dunha placa conmemorativa da inauguración. 14.000 m² ocupan os dous centros, deseñados polo arquitecto Alfonso Penela, en cuxa construción se investiron uns 10 millóns de euros e nos que se albergan laboratorios específicos para grupos ou servizos, así como salas de uso común e zonas sociais e de estudo. Tralo seu equipamento, a actividade comezou no Cacti, que substitúe ao edificio que funcionaba no campus vigués desde a década de 1990, a finais do ano 2013, mentres que no Cinbio arrancaba en 2014. “Non inauguramos edificios baleiros”, asegurou Carmen Vela ao inicio da súa intervención, na que gabou a decisión da Universidade de Vigo de homenaxear a Olimpia Valencia, “situándose á cabeza do país en recoñecer ás mulleres”.

Jesús Vázquez
Conselleiro de Sanidade, Xunta de Galicia