"Os novos retos pasan por ser innovadores e poñer en marcha novas ideas” 23 de set. de 2016
"Os novos retos pasan por ser innovadores e poñer en marcha novas ideas”
Do deseño, a artesanía ou os recursos educativos, ás ferramentas informáticas ou as novas tecnoloxías. Múltiples son as áreas representadas na carpa do Pont-Up Store 2016, o espazo de emprendemento impulsado pola Universidade no marco do proxecto de especialización CREA S2i, que nesta edición axuda a un total de 36 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria dar a coñecer os seus produtos e servizos á cidadanía. Na que é a súa terceira edición, salienta o seu director, Pedro Figueroa, o Pont-Up consolídase “como un espazo de referencia do novo emprendemento en Galicia e nunha cita obrigada para os axentes deste ecosistema”, como demostran as preto de 140 candidaturas presentadas para participar tanto nos stands nos que 33 empresas dan a coñecer as súas iniciativas, como a través das actividades que se desenvolverán no propio recinto e que se suman a un programa que reúne preto de 30 iniciativas formativas e de dinamización, que nesta edición teñen o seu eixo na economía social.