Centro de Linguas da Universidade de Vigo - CdL 8 de set. de 2016
Centro de Linguas da Universidade de Vigo - CdL
Coas cidades e vilas galegas aínda repletas de turistas, moitos deles estranxeiros, a Universidade de Vigo deu a benvida este xoves a unha nova fornada de estudantes foráneos que consolidarán aínda máis o carácter multicultural e internacional que Galicia ten nestes meses estivais. En total, o campus vigués recibe neste comezo de curso a 281 alumnos e alumnas de diferentes programas de mobilidade, aos que se suman 51 en Pontevedra e 34 en Ourense. En total, nestes primeiros días de setembro os tres campus darán a benvida a 366 mozos e mozas de catros continentes. Moitos deles estarán un cuadrimestre e outros decidiron quedar en Galicia todo o curso académico; a eles uniranse os que cheguen os tres campus da Universidade no segundo cuadrimestre e os beneficiarios dos programas Erasmus Mundus, cos que se completará o mapa plurinacional das escolas e facultades. Deste xeito, e segundo explica o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, agárdase que cando se pechen todos os prazos de matrícula se acaden “cifras similares ás do curso pasado (586) e incluso se rexistre un incremento de entre o 5 e o 10%”. El vicerreitor valora moi positivamente estes datos, que melloran cada curso. “Estamos encantados de que os estudantes estranxeiros elixan Vigo para a súa mobilidade, que se decidan polos nosos campus, pero iso tamén ten un impacto moi positivo nos nosos estudantes, porque se empapan desta filosofía internacional, tecen redes de relacións humanas con xente doutros países que enriquece a súa formación académica e persoal e, como universidade pública, esa é unha das nosas misións”.