Despedida e Clausura do acto 18 de out. de 2018
Despedida e Clausura do acto
"Evaluación de la eficiencia de nuevos desemulsionantes en la valorización de residuos Marpol" é o título do Traballo Fin de Mestrado co que a bióloga Elisa Graña gañou o 6º premio Eva Pérez o mellor TFM do Máster en Xestion de Desenvolvemento Sostible. O galardón, que homenaxea á estudante do mestrado Eva Pérez, falecida no accidente ferroviario de Angrois en 2013, entregouse nun acto celebrado na sala I do Edificio Miralles, na que o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, ofreceu unha conferencia titulada Sostenibilidade e sociedade, na que apelou á responsabilidade das e dos consumidores e incidiu no protagonismo das mulleres “nunha sociedade moi complexa”. Pola súa banda, María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, destacou na súa intervención a vocación da institución académica de acompañar o seu alumnado “non só durante a vosa etapa formativa básica, senón tamén unha vez finalizada esta”, mentres que Jordi Vich, representante de Naturgy, lembrou a implicación da empresa co mestrado, asegurando que a “sostibilidade está totalmente ligada á nosa actividade, xa que sen ela non poderiamos desenvolver a nosa función na sociedade”.
Xavier Labandeira, director da Cátedra Fenosa, xunto Juan Añel, e Pilar Piñeiro, coordinadora do mestrado, destacaron a calidade do traballo de Elisa Graña, ao que se referiron como “brillante e rigoroso, ao tempo que destacamos a súa capacidade de combinar a parte ambiental e económica”. Piñeiro, tamén eloxiou o TFM de Brais Suárez, "Cálculo del impacto ambiental asociado al consumo de agua embotellada en la Universidade de Vigo", que fora galardoado na pasada edición do premio e que recolleu o autor, destacando a “súa utilidade práctica”. A coordinadora do mestrado defendeu a “aplicabilidade práctica para o acceso ao mercado laboral do mestrado”, no que preto dun 80% das súas os seus titulados están a traballar directa ou indirectamente en cuestións relacionadas coa sostibilidade.