Quenda de preguntas. Dos mares do sur á Galicia do século XXI, Recreación e censura nas traducións de Pippi Mediaslongas 20 de mar. de 2019
Quenda de preguntas. Dos mares do sur á Galicia do século XXI, Recreación e censura nas traducións de Pippi Mediaslongas
Rebelde e irreverente. Así era Pippi Långstrump, personaxe literaria creada pola escritora sueca Astrid Lindgren en 1945, a inesquecible nena de pencas na cara e trenzas laranxas coa que rapazas e rapaces de todo o mundo viviron aventuras ata convertela en toda unha icona contemporánea. O libro, de 1945, foi traducido a máis de 70 idiomas, pero non foi ata 2017 que puido lerse no idioma de Galicia, baixo o título Pippi Mediaslongas, grazas ao traballo de David Álvarez, filólogo e apaixonado da cultura xermánica.
Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos tachárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: rebelde, transgresora e desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores. “As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade da época”, lembran na web de Kalandraka, a editora especializada no público lector infantil que fixo posible este proxecto.