A transformación do futuro tecnolóxico. Dinámica 15 de dec. de 2023

Visto 17 veces

A transformación do futuro tecnolóxico. Dinámica

Visibilizar que a igualdade debe ser un eixe fundamental no ámbito tecnolóxico era un dos obxectivos da xornada organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, co apoio da Unidade de Igualdade, e celebrada no edificio Miralles. Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico foi a primeira sesión dun ciclo de xornadas e actividades que atlanTTic organizará nos vindeiros meses e que están dirixidas a concienciar á sociedade sobre estas temáticas, tratando de amosar a necesidade de que a tecnoloxía mude cara aspectos máis inclusivos, feministas e de diversidade.

A apertura da xornada contou coa participación da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama Santomé, quen destacou que este tipo de iniciativas son esenciais para amosar referentes femininos, “moi próximos”, na ciencia e na tecnoloxía, e do director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, que subliñou a importancia de fomentar as vocacións STEM entre as nenas e sobre todo “que non haxa freo para o desenvolvemento desas vocacións”. Xunto a eles contouse tamén coa participación da subdirectora de Captación e Difusión da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Laura Docío Fernández, e a técnica da Unidade de Igualdade, e Mar F. Cendón.

Segundo cifras do último informe do Observatorio de Ingeniería de España do total de 750.000 profesionais deste ámbito, só o 20% son mulleres. Para reflexionar sobre os motivos desta baixa representación feminina, arrancou unha mesa redonda de carácter interxeracional, no que cinco mulleres relacionadas cos ámbitos aeronáutico e espacial conversaron sobre as súas vivencias e inquedanzas como enxeñeiras: Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de Telecomunicación pola Uvigo e actualmente en Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. Da man da investigadora de atlanTTic e profesora da EET, Edita de Lorenzo, as invitadas intercambiaron puntos de vista e experiencias persoais acerca de múltiples aspectos sobre a presenza e o rol feminino nos ámbitos tecnolóxicos, a igualdade de oportunidade en España e noutros países de Europa; situacións de discriminación no ámbito laboral, etc.

Tras a mesa redonda, tanto as relatoras como o público tiveron a ocasión de debater sobre os diferentes aspectos tratados ao longo da mañá. A xornada pechouse coas intervencións de Yolanda Blanco Fernández, subdirectora de atlanTTic, e Edita de Lorenzo, que animaron ás e aos asistentes a participar nas vindeiras sesións que se organizarán neste ciclo.

Fonte: DUVI

i18n.one.Series: Conectando en igualdade
Cristina Cuerno Rejado
Directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE), UPM
Elena Beatriz Martín Ortega
Coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial, Universidade de Vigo
Laura Rodríguez Rodríguez
Airbus Defence and Space
Uxía García Luis
Investigadora de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo
Modera: Edita de Lorenzo
Enlace de igualdade de Atlanttic, Universidade de Vigo