"O 83% das nenas do mundo non van á escola" 25 de nov. de 2016
"O 83% das nenas do mundo non van á escola"
Intervención de Luísa Márquez
Un compromiso cos dereitos da infancia e cunha educación capaz de transformar a sociedade. Isto é o que agora simboliza para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a placa que a recoñece na súa entrada como o único centro universitario que actualmente forma parte en España dunha rede que integra a máis de 10.000 escolas de 181 países. “Isto non é un ornato, mostra un compromiso cunha educación que transforma ás persoas e o mundo”, salientou a coordinadora da Rede de Escolas PEA-Unesco en Galicia, Luísa Márquez, responsable de descubrir esta placa xunto co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no inicio do acto no que este centro do campus pontevedrés conmemorou este venres o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, celebrado o pasado domingo. Un acto, organizado polo profesor Jorge Soto, que tiña como obxectivo poñer de relevo a situación dos refuxiados e refuxiadas, cuxo drama se viu representado polo mar de mantas térmicas despregado no acceso á facultade e que serviu tamén para reivindicar a erradicación da violencia machista no día internacional da loita contra esta lacra social.