2º tema: Investigación 12 de abr. de 2018
2º tema: Investigación
Tras dúas horas nas que debullaron boa parte dos seus respectivos programas electorais e responderon ás preguntas das e dos asistentes ao segundo debate que esta tarde protagonizaron na sala I do Edificio Miralles, os candidatos a reitor da Universidade de Vigo, Emilio Fernández e Pachi Reigosa, resumiron en pouco máis dun minuto as aspiracións coas que concorren á cita electoral do vindeiro 23 de abril. “Queremos ser o motor de Galicia. Unha universidade que se proxecte cara ao mundo, internacional e con investigación especializada, que atraia a persoas que xeren e transfiran coñecemento ao sector produtivo. Necesitamos ilusión e ambición para gañar o futuro e nós temos esa ambición e esa ilusión”, asegurou Emilio Fernández na súa mensaxe final, mentres que Pachi Reigosa rematou a súa intervención no debate sinalando que “quero que nos concedades a vosa confianza para mudar as cousas. Queremos unha universidade de primeira, pero tamén das persoas. Unha universidade participativa na que se escoite a voz de todos. Queremos o cambio. Votádenos”.