II Premios GirlGeekCovid 3 de feb. de 2022
II Premios GirlGeekCovid
UVigo e Deputación de Pontevedra recoñecen a catro alumnas como referentes STEM para as futuras xeracións de científicas e tecnólogas
Ana Ramírez, estudante do Mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, e Marielena Márquez, do de Enxeñaría de Telecomunicación, son as dúas alumnas gañadoras da segunda edición dos Premios GirlGeekCovid, un recoñecemento co que a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en valor os mellores expedientes femininos nas carreiras de Ciencias e Enxeñaría da UVigo, áreas nas que as mulleres apenas representan o 32% do alumnado. Xunto a elas foron tamén recoñecidas con cadanseu accésit, Uxía López, do Grao en Química, e Andrea Busto, alumna do Mestrado de Telecomunicación. As catro teñen expedientes académicos brillantes e as catro son un excelente exemplo do bo facer das mozas nas denominadas titulacións STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.
A entrega de premios, enmarcada nas actividades da Cátedra de Feminismos 4.0, tivo lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que, ademais de darlles as grazas e os parabéns, lles fixeron un pedimento: “que sigan apoiando sempre a causa da igualdade”, tal e como lles recalcou o reitor. Ambos remarcaron a importancia de “visibilizar” a excelencia das mozas que estudan STEM, que teñen uns currículos extraordinarios e que, polo tanto, “son referentes para outras nenas e outras mozas que teñen que decidir a que se van dedicar, unha decisión transcendental que só deberían tomar desde a liberdade”, enfatizou a presidenta da Deputación.