Dispensadores de produtos de hixiene feminina 7 de mar. de 2022
Dispensadores de produtos de hixiene feminina
Rolda de prensa
Ángela González Garrido foi a protagonista en 1965 dun fito na historia da Escola Técnica de Peritos Industriais: ser a primeira muller graduada polo centro, creado en Vigo en 1901. Transcorridos case 57 anos, Ángela González Garrido recibiu hoxe o recoñecemento da UVigo no acto institucional de celebración do 8M, no que se lle outorgou o décimo Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala 2022. Un galardón e un recoñecemento que, non obstante, vai máis aló da primeira graduada pola Escola Técnica de Peritos Industriais, xa que con el a UVigo rende hoxe homenaxe a todas as pioneiras universitarias que como Mª del Carmen Sábada e Capablanca, Pilar Palomar Traver, Rosario Torvieso Monge ou Dolores Lorenzo Salgado se formaron na Escola de Peritos, ou que como Josefa Costas González, Pilar Mosquera, Soledad Pelayo ou Ángeles Cabello, convertéronse, a partir do ano 1926, nas primeiras graduadas pola Escola Pericial de Comercio.
Todas estas pioneiras nas aulas universitarias, ás que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, lembrou na súa intervención no acto celebrado este mediodía no edificio Redeiras, tomaron a remuda de Concepción Arenal, Manuela Barreiro Picos, Emilia Pardo Bazán ou Ernestina Otero e abriron o camiño a miles de mulleres que a día de hoxe conforman o 55% do total do alumnado universitario en Galicia. No caso de Ángela González, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa referiuse a ela como “unha pioneira na que nos apoiamos para desenvolver unha sociedade máis xusta e polo tanto igualitaria e que nos fai que sexamos optimistas, e aínda que a historia ten dentes de serra, polo menos si podemos aspirar a que haxa unha tendencia cara á igualdade”, dixo Reigosa, para quen “a conquista máis importante por parte da humanidade é a conquista da igualdade”.
Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade foi a encargada de dar lectura á acta da comisión que por unanimidade acordou conceder o Premio Uviguala 2022 a Ángela González, que por problemas de saúde non puido recoller o galardón, sendo a súa filla Ángela Rey a encarga da recibir o premio. Águeda Gómez destacou da resolución da Comisión de Igualdade considerar a Ángela González como un “exemplo da historia vida en relación coa chegada das mulleres á universidade, ademais dun exemplo paradigmático de tesón e tenacidade como única muller da súa promoción”. Asi mesmo, a directora da Unidade de Igualdade tamén destacou que a homenaxeada “representaba o espírito característico de solidariedade e igualitario, notorio aínda hoxe, entre o alumnado da titulación de Enxeñaría Industrial, sendo un exemplo dun espazo de igualdade na nosa universidade”, sinalou Águeda Gómez.
Fonte:DUVI