Apertura do acto e presentación de Jesús de Juana 21 de set. de 2022
Apertura do acto e presentación de Jesús de Juana
No curso académico 2017/2018 implantouse no campus de Ourense o Programa de Doutoramento Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento, no marco do proxecto de especialización deste campus como Campus Auga. Na actualidade están matriculados nel 70 estudantes de oito países e ao seu abeiro téñense defendido oito teses de doutoramento de alumnado de España, Portugal e Camerún.
O programa deu oficialmente a benvida ao curso 2022/2023 cunha xornada de conferencias celebrada presencialmente na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e retransmitidas a través UVigo TV tendo en conta a faciana internacional deste programa. O obxectivo desta actividade foi “difundir a cultura da investigación en relación coa auga no eido académico”, centrándose concretamente na historia do uso e a investigación das augas en Galicia. Na benvida, J. Eugenio López Periago, coordinador deste programa de doutoramento, indicou que con esta xornada a organización quixo “visibilizar tamén o carácter interdisciplinar deste Campus Auga e do seu programa de doutoramento, que abrangue todas as áreas de coñecemento relacionadas coa auga”.
Fonte: DUVI