Homenaxe a Luisa Villalta dende a Asociación de Estudantes do Programa Senior da Universidade de Vigo, Aulas de Formación Aberta 15 de maio de 2024
Homenaxe a Luisa Villalta dende a Asociación de Estudantes do Programa Senior da Universidade de Vigo, Aulas de Formación Aberta
Acto completo
En plena Semana das Letras, a Facultade de Comercio acolleu un dos actos cos que, nos diferentes campus da Universidade de Vigo, se renderá homenaxe a Luisa Villalta, escritora homenaxeada neste 2024.
O evento, impulsado polas Aulas de Formación Aberta, asociación que agrupa o alumnado do Programa para Maiores da UVigo, contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, e de Margarita Ledo, membro da Real Academia Galega e impulsora da distinción de Luisa Villalta nesta edición das Letras Galegas. Tamén asistiron Mª del Carmen Padín, vicedecana da Facultade de Comercio e Marina Troncoso, presidenta da Asociación Aulas de Formación Aberta.
O reitor foi o encargado de dar a benvida ás e aos asistentes ao acto de celebración das Letras Galegas, “un día moi importante para a nosa institución, porque sendo unha universidade galega, temos que facer todo o posible para celebrar a nosa galeguidade e a primeira das tarefas que temos que cumprir ten que ver coa lingua e coa cultura galega”. Reigosa recalcou que “queremos ser unha universidade máis galega, inserida no noso territorio e que faga todo o posible para que a nosa cultura agrome e sexa unha referencia mundial, queremos ser unha universidade igualitaria e, polo tanto, feminista, e queremos ser unha universidade internacional”.
Pola súa banda, Marina Troncoso agradeceu a Margarita Ledo o ter aceptado o convite a este acto co obxectivo de dar a coñecer “unha poeta do noso tempo á que debemos upar e poñela no sitio que lle corresponde dentro na nosa cultura”. Na súa intervención tamén deu a benvida ao novo director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira, nomeado recentemente en substitución de Mª José Moure, que agora pasa a ocupar o cargo de directora da Área de Titulacións.