Intervención de Belén Rubio 15 de feb. de 2018
Intervención de Belén Rubio
Desde que no ano 1886 o presidente da Asociación de Médicos ingleses, Withers Moore, asegurase que “coa educación superior facilitada ás mulleres, a raza humana non poderá contar con máis fillos distinguidos”, transcorreron 132 anos. Nese case século e medio, a invisibilidade, que ata entón sufriran as científicas e investigadoras, así como as trabas que para acceder á educación padeceron as mulleres en xeral, foron mudando, aínda que non ata o punto de acadar unha igualdade real no ámbito científico. Co obxectivo de homenaxear a todas as mulleres coñecidas e descoñecidas que ao longo da historia, mesmo en condicións moi difíciles, achegaron co seu traballo importantes avances no campo da ciencia e da investigación e abriron o camiño ás seguintes xeracións, así como animar ás novas xeracións de mulleres a desenvolver a súa carreira no ámbito científico, a Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo acollerá de xeito permanente nos seus corredores a exposición Científicas que contan. A través de 15 paneis, a mostra, impulsada polo centro e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, percorre a traxectoria profesional de 10 destacadas investigadoras galegas e remata cunha escolma de imaxes de científicas que na actualidade desenvolven a súa actividade na Universidade de Vigo. A mostra foi inaugurada nun acto no que interviron decana da Facultade de Ciencias do Mar e a enlace de Igualdade do centro, Belén Rubio e Paz Alonso e a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín e no que o científico do IEO de Vigo, Alberto González Garcés ofreceu unha ponencia sobre Ángeles Alvariño, mentres Miguel Coto, do CSIC interveu cun relatorio sobre Aida Fenández e o catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo José Luis Legido, centrou a súa intervención na súa colega, recentemente falecida, Josefa García Sánchez.