I Competición de Robots. Escola de Enxeñería Industrial. Universidade de Vigo 24/04/2015

Visto 3264 veces

I Competición de Robots. Escola de Enxeñería Industrial. Universidade de Vigo

Escola de Enxeñería Industrial

De múltiples formas e cores, cada un coa súa propia personalidade, pero todos repletos de creatividade: con forma de barco, de furgoneta ou mesmo de oasis en pleno deserto. Falamos dos 110 autómatas que este venres participaron na I Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial, unha iniciativa posta en marcha pola dirección do centro en colaboración coa Rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da Universidade e na que participaron máis de 500 alumnos e alumnas de 37 centros educativos de ensino secundario de toda Galicia. O chamamento, dirixido a fomentar o interese polos estudos de enxeñaría entre os máis novos, superou todas as expectativas da organización. “A idea de pór en marcha unha competición pareceunos extraordinaria pero nunca pensamos que ía espertar tanta expectación”, subliñou Juan Pou, director da escola, que se confesou “impresionado” da elevada creatividade que tiñan algúns dos modelos participantes. “Está claro que cando aos rapaces algo lles gusta implícanse a fondo e, tanto polo que vemos, como polo que puidemos palpar falando con eles e cos seus docentes, nesta ocasión estaban moi motivados”, subliñou Pou, que quixo pór en valor todo o traballo realizado polos distintos equipos, “tamén nos recreos e levando traballo para a casa”.


Vídeos da mesma serie