Presentación de Manuel Reigosa 15 de mar. de 2019
Presentación de Manuel Reigosa
Reitor da Universidade de Vigo
A directora xeral de Investigación, Desarrollo e Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, Teresa Riesgo, defendeu en Vigo a necesidade de potenciar o papel das Oficinas de Transferencia de Resultados, OTRIs, tanto das universidades como de calquera outro organismo de investigación (hospitais, fundacións, centros tecnolóxicos, etc) como unha das principais estratexias para favorecer a transferencia. Fíxoo na Escola de Enxeñería Industrial onde impartiu a conferencia La transferencia del conocimiento: próximo reto europeo, unha intervención na que estivo acompañada polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa; a vicerreitora de Transferencia, Consuelo Pérez e o director da EEI, Juan Pardo.
Catedrática de Tecnoloxía Electrónica na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidad Politécnica de Madrid, onde dirixiu o Centro de Electrónica Industrial, Teresa Riesgo conta cunha “máis que solvente” carreira investigadora, tal e como destacou o reitor durante a súa presentación, quen nesta liña destacou que “sempre é unha boa noticia cando o Estado capta para os seus gobernos persoas que saben, que son cociñeiros antes que frade”, ao que engadiu que “no ADN da Universidade de Vigo sempre estivo a transferencia” e esa aposta semella que nestes momentos está a ser recoñecida tanto a nivel estatal como europeo.
Durante a súa charla, á que asistiu un destacado número de membros da comunidade universitaria, a directora xeral de Investigación lamentou que nos últimos anos houbo sitios nos que as OTRIs estiveron “absolutamente abandonadas”, dándose casos de organismos nos que traballan arredor de mil investigadores e investigadoras e teñen unha única persoa contratada na súa OTRI, algo que cualificou como “tremendamente problemático”. Desde o seu punto de vista, estas oficinas deberían ser o grande interface entre o científico e o mundo exterior, “o mundo no que podes desde vender a tecnoloxía, ata licenciala, patentala, montar unha empresa...”, subliñou a representante do ministerio, quen non dubidou en recalcarlles aos asistentes a importancia de que sexa unha persoa especialista nestes temas a que axude ao investigador/a a determinar que é máis conveniente facer en cada caso, pois non hai que esquecerse de que non todas as tecnoloxías nin todos os desenvolvementos están feitos para montar unha empresa ou patentalos, as posibilidades son múltiples. Nesta liña Riesgo defendeu como “básico para lograr a transferencia” ese coñecemento do que dispoñen nas OTRIs, un coñecemento que inclúe tanto ao mercado como á propia institución.