Apertura de Afinidades selectivas 12 25 de mar. de 2021

Visto 28 veces

Apertura de Afinidades selectivas 12

En 1809 Goethe publica Las afinidades electivas, unha novela que mostra as pulsións e os
sentimentos de catro persoas que viven nunha casa de campo. As relacións que se conciben
están máis alá da moral da época, ou do simple control das normas sociais. Goethe
trata nesta obra sobre o carácter pulsional e mistérico do atraente, así como de enfermizos
rexeitamentos. Esta sentimentalidade das paixóns mantense nas nosas condutas relacionais,
pero tamén cos obxectos e coas imaxes coas que, por estraño que pareza, empatizamos
porque con eles e elas convivimos. Esta atracción entre seres e efectos prodúcese,
de forma amplificada, na práctica da arte mediante a xenerosa achega dos seus autores e
autoras.
O título da exposición alude a dúas arterias e vías fundamentais para o funcionamento e a
vitalidade de dous órganos do corpo humano. As arterias coronarias subministran sangue
ao corazón mentres que a carótide fai o propio co cerebro. Corazón e cerebro paralizaríanse
sen o seu nutriente fundamental, pero o sangue, que actúa como o principio activador,
déixalles o protagonismo a dúas estruturas que, máis ca partes físicas, son metáforas
diverxentes ou descritivas do ser e do sentir.
Ao corazón outorgámoslle o corpo e as súas sensacións; é o xestor dos nosos sentimentos,
o que nos alerta da recepción das querenzas que nos transmiten e, ao mesmo tempo, o
emisor da nosa afectividade. Unha calidade que debuxa o noso ADN emocional e constrúe
a parte sensible da nosa personalidade. Aínda que Michel Henry amplificou esa maneira de
estar ante a vida, ao facer da afectividade a maneira de representarse ante todo o que está
presente, sen limaduras culturais, agás as que son capaces de compasarse á carencia de
cada corazón. O corazón toma para si todas as artes, o humanismo e as ciencias sociais; e
non se esquece das crenzas máis antigas, aquelas que lle deron sentido á vida en épocas
tan sombrías coma a actual. O corazón posúe o don da fe e, por extensión, a espiritualidade
de todas as relixións, as cales hai que consideralas como rexións onde habita tanto o seu
fervente apostolado coma o seu ateísmo máis emancipado. Nunha fronteira moi borrosa
atópase a filosofía, que xunto á literatura construíron o relato daquilo que facía que o corazón
latexase máis rápido. O mundo foi contado por voces, palabras e imaxes, e a arte, como
construtora do simbólico, atopou rapidamente a súa icona. Nada hai máis rápido de comprender
ca o signo do corazón; e todas as súas acepcións son sempre positivas, xa que
desprenden cordialidade e proximidade.
Se miramos máis de preto o corazón, e dentro del a arte, podemos observar o vaivén ou o
baile que tivo co cerebro. Os racionalismos en arte son os impulsos brutalistas dun cerebro
que ordena, clasifica e goberna, mediante rectas, a carencia cavernosa e circular do corazón.
Se unha esfera é un cubo con experiencia, é lóxico pensar (mellor dito, sentir), que un
cerebro é curvo por vello e sabio, e non tanto por cerebro. A razón, calidade do cerebral,
debería ser algo secundario, ou talvez unha especie de escoura que se refuga ante a aliaxe
formidable do aceiro máis poderoso; talvez porque sabemos que os soños da razón son
capaces de calquera cousa.
Esta exposición presenta o sentir de nove artistas inseridos en oito proxectos que se atoparon
grazas ás súas inquietudes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, un lugar onde
se producen continuos e produtivos choques entre o proxecto, en tanto que patio especulativo
do cerebro, e o proceso como territorio sorprendente onde todo pode ocorrer. A
arte, polo tanto, poderiámola definir como esa fugaz viaxeira que imaxina cando pasea polo
cerebro e constrúe caricias cando se interna no corazón.
Juan Carlos Román

Vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Universidade de Vigo
Abel Caballero Álvarez
Alcalde, Concello de Vigo
Juan Carlos Román
Comisario da exposición Afinidades Selectivas 12
Autor/a: Mar Ramón Soriano Julia Huete
Autor/a: José Chavete Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña)
Autor/a: Araceli Liste María Silva
Autor/a: Suso Fandiño Ruth Vidal