Mesa redonda e sesión Kahoot 29 de abr. de 2022
Mesa redonda e sesión Kahoot
A transformación do tecido industrial cara un escenario 4.0 implica múltiples procesos de automatización, dixitalización, aplicación de intelixencia artificial ou conectividade. Neste proceso as tecnoloxías XR, que engloban a realidade virtual, aumentada e mixta, tamén están a ter un peso cada vez máis destacado, xa que permiten, por exemplo, a creación de prototipos en 3D, probas inmersivas de produtos, monitoraxe en remoto, formación virtual dos operarios, etc.
Para analizar todas as posibilidades que estas tecnoloxías emerxentes ofrecen ao sector industrial e avaliar o xeito de implantalas de xeito sostible e eficiente nas empresas, a Escola de Enxeñería Industrial da UVigo acolleu este 29 de Abril un seminario impartido por Arsoft, empresa especializada no uso da realidade virtual e aumentada, no que participaron tamén outras compañías que xa contan con experiencia no uso de tecnoloxías XR nos seus procesos industriais, como Sonovision, Navantia e Cidaut, que expuxeron os seus casos de éxito.
O encargado de dar a benvida ás persoas participantes foi Juan Pardo Froján, o director da EEI, que agradeceu a colaboración das empresas para poñer celebrar este evento e recalcou o compromiso do centro para achegar as novas tecnoloxías, coñecementos e avances á súa comunidade universitaria. “Temos ante nós grandes retos e tamén grandes oportunidades” e, nese contexto, subliñou a importancia de introducir estas novas tecnoloxías como ferramentas para mellorar os resultados da aprendizaxe e tamén para a súa aplicación no eido da investigación e a innovación, “dada a estreita relación que a escola ten co tecido empresarial”.