Conversa 'Novas perspectivas feministas: o papel da muller galegofalante nas redes sociais' 13 de mar. de 2025

Visto 43 veces

Conversa 'Novas perspectivas feministas: o papel da muller galegofalante nas redes sociais'

Novas perspectivas feministas: o papel da muller galegofalante nas redes socias
Esta actividade nace co fin de conmemorar o Día da Muller Traballadora. Quixemos trazar novos horizontes e presentar un evento orixinal, adaptado ao público máis novo e que tivese que ver coas redes sociais, pois nestes días Twitter, Instagram e Tik Tok forman parte da nosa cotiandade. Ademais, pareceunos interesante vermos, mediante a figura de Malva, como as redes sociais teñen un maior impacto naqueles grupos oprimidos, principalmente nas mulleres novas que falan galego. Daquela, co gallo desta entrevista, tamén temos a vontade de analizar o factor lingüístico nas creadoras de contido en galego, pois nestes tempos é moi importante traballarmos a prol da revitalización da lingua galega e nós, como estudantes de Filoloxía Aplicada Galega e persoas comprometidas co galego cremos que temos o deber de intentar crear entre o público xuvenil propostas que leven por bandeira a lingua galega.

Dende a nosa perspectiva de mulleres galegofalantes novas, nós sentimos un compromiso por transmitirlle a lingua a outras xeracións e por intentar reverter a situación sociolingüística na que se atopa o galego, con todo, sufrimos dobre presión ao sermos mulleres, pois recibimos máis críticas por vivirmos na nosa lingua ca un home galegofalante da nosa idade.

Cremos que, en parte, a solución contra o machismo dixital está na educación da rapazada. Por iso, sería interesante que dende os centro educativos se tomasen medidas, fomentando o uso das redes sociais en galego e ensinando que son un lugar onde todas as persoas e todas as linguas teñen cabida. Para isto, tamén é importante que os medios e os creadores de contido fomenten e difundan contido orixinal, que saia do convencionalismo de sempre, e que sexa capaz de atraer a atención de todo o público xuvenil.

Sara Castro e Silvia Trabazos

Sara Castro
Estudante do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española
Silvia Trabazos
Estudante do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española
Malva Freire Regueira
Creadora de contidos, @todomalva gz