Centros de crise 24 H 17 de nov. de 2025

Visto 4 veces

Centros de crise 24 H

“Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara a igualdade”. Este é o lema escollido este ano pola Universidade de Vigo para sumarse ás reivindicacións do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tamén é o título do manifesto feito pola institución académica co gallo desta data e no que se destaca que “diante das violencias sexuais, a resposta universitaria debe ser firme: rexeitamento activo dos comportamentos inaxeitados, acompañamento integral ás vítimas, formación para toda a comunidade e revisión constante dos protocolos e dos recursos”. Reafirmando este compromiso, a Universidade de Vigo organizou no Campus de Ourense o seu acto institucional polo 25N.

Tras a apertura institucional, a actividade continuou cunha xornada académica que, como sinalou Yolanda Rodríguez, tivo como finalidade “abrir un espazo para entender o problema e magnitude das violencias sexuais e dar a coñecer as respostas colectivas de accións desde a investigación, a intervención coas vítimas de trata e de violencias sexual e tamén desde a arte e a cultura”. A primeira sesión, que levaba por título « Entender o problema: estruturas, silencios e resistencias na academia» centrouse no que sucede no ámbito social e académico arredor das violencias sexuais e contou cunha conferencia de Maria José Magalhães, da Universidade do Porto, sobre resistencias feministas contra a ditadura, a opresión e a violencia de xénero e sexual, e outra de Francisca Bernal, directora xeral de Igualdade da Universidad de Cádiz, de análise da realidade do acoso sexual e sexista na universidade e propostas de mellora.

A segunda sesión desta xornada, en horario de tarde, artellouse en como «Construír espazos seguros: investigación, coidados e acción fronte as violencias sexuais». Arrancou cunha mesa redonda na que participaron Esther Romero (Universidad Complutense de Madrid), que falou de masculinidades patriarcais e violencias machistas na contorna dixital; Esmeralda Verdes (Fundación de Solidaridad Amaranta) e Nuria González (Centro de crise 24 horas para a atención a vítimas de violencia sexual de Ourense), que explicaron o traballo das súas entidade na atención a mulleres que teñan vivido situacións de violencia sexual. Ademais, Iria Pinheiro, actriz, dramaturga, poeta e psicopedagoga, compartíu o dous dos seus traballos máis recentes nos que a través do teatro documental denuncia a violencia obstétrica e a o acoso sexual no sector audiovisual . A mesa estivo moderada por Mar F. Cendón, da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. O peche correu a cargo da intervención musical de Su Garrido, cantante, música e compositora, que presentou Patios de Luz, “un traballo arredor de historias de mulleres que merecen ser cantadas”.

Fonte: DUVI

Presenta: Mar Fernández Cendón
Técnica superior da Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo
Nuria González Fernández
Asesora xurídica-Coordinadora no centro de crise 24 H para a atención de vítimas de violencia sexual de Ourense