Inauguración do acto 25N: Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara á igualdade 17 de nov. de 2025

Visto 13 veces

Inauguración do acto 25N: Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara á igualdade

“Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara a igualdade”. Este é o lema escollido este ano pola Universidade de Vigo para sumarse ás reivindicacións do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Tamén é o título do manifesto feito pola institución académica co gallo desta data e no que se destaca que “diante das violencias sexuais, a resposta universitaria debe ser firme: rexeitamento activo dos comportamentos inaxeitados, acompañamento integral ás vítimas, formación para toda a comunidade e revisión constante dos protocolos e dos recursos”. Reafirmando este compromiso, a Universidade de Vigo organizou no Campus de Ourense o seu acto institucional polo 25N.

Tras a apertura institucional, a actividade continuou cunha xornada académica que, como sinalou Yolanda Rodríguez, tivo como finalidade “abrir un espazo para entender o problema e magnitude das violencias sexuais e dar a coñecer as respostas colectivas de accións desde a investigación, a intervención coas vítimas de trata e de violencias sexual e tamén desde a arte e a cultura”. A primeira sesión, que levaba por título « Entender o problema: estruturas, silencios e resistencias na academia» centrouse no que sucede no ámbito social e académico arredor das violencias sexuais e contou cunha conferencia de Maria José Magalhães, da Universidade do Porto, sobre resistencias feministas contra a ditadura, a opresión e a violencia de xénero e sexual, e outra de Francisca Bernal, directora xeral de Igualdade da Universidad de Cádiz, de análise da realidade do acoso sexual e sexista na universidade e propostas de mellora.

A segunda sesión desta xornada, en horario de tarde, artellouse en como «Construír espazos seguros: investigación, coidados e acción fronte as violencias sexuais». Arrancou cunha mesa redonda na que participaron Esther Romero (Universidad Complutense de Madrid), que falou de masculinidades patriarcais e violencias machistas na contorna dixital; Esmeralda Verdes (Fundación de Solidaridad Amaranta) e Nuria González (Centro de crise 24 horas para a atención a vítimas de violencia sexual de Ourense), que explicaron o traballo das súas entidade na atención a mulleres que teñan vivido situacións de violencia sexual. Ademais, Iria Pinheiro, actriz, dramaturga, poeta e psicopedagoga, compartíu o dous dos seus traballos máis recentes nos que a través do teatro documental denuncia a violencia obstétrica e a o acoso sexual no sector audiovisual . A mesa estivo moderada por Mar F. Cendón, da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. O peche correu a cargo da intervención musical de Su Garrido, cantante, música e compositora, que presentou Patios de Luz, “un traballo arredor de historias de mulleres que merecen ser cantadas”.

Fonte: DUVI

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor, Universidade de Vigo
Laura Carballo Piñeiro
Decana da Facultade de Relacións Internacionais, Universidade de Vigo
Belén sánchez Ramos
Secretaria da Facultade de Dereito, Universidade de Vigo
Jesús Vázquez Abad
Decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo,, Universidade de Vigo
Yolanda Rodríguez Castro
Directora da Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo