Presentación de Eladio Anxo Fernández Manso 27 de abr. de 2017
Presentación de Eladio Anxo Fernández Manso
Joaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa: emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunto coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución e nun relatorio impartido este xoves polo profesor Eladio Anxo Fernández Manso. Estas actividades, impulsadas polos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da liña de investigación Memoria e Tradución do seu grupo. Como destacaba o director do grupo, José Yuste, na inauguración desta actividade, “para interpretar a experiencia do exilio hai que conxugar as identidades de partida e de chegada, suscitando e expoñendo unha dinámica de multipertenencia cuxa complexidade non sempre é comprendida pola lóxica cidadá dos estados”. Lembraba que, se ben entre xaneiro e febreiro de 1939 450.000 republicanos, militares e civís, cruzaron a fronteira con Francia, “estamos tamén na actualidade en tempo de migración e exilio masivos”.