Joaquín Balboa, de Monterrei ao campo de concentración de Mauthausen. Turno de preguntas 27 de abr. de 2017
Joaquín Balboa, de Monterrei ao campo de concentración de Mauthausen. Turno de preguntas
Joaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa: emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunto coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución e nun relatorio impartido este xoves polo profesor Eladio Anxo Fernández Manso. Estas actividades, impulsadas polos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da liña de investigación Memoria e Tradución do seu grupo. Como destacaba o director do grupo, José Yuste, na inauguración desta actividade, “para interpretar a experiencia do exilio hai que conxugar as identidades de partida e de chegada, suscitando e expoñendo unha dinámica de multipertenencia cuxa complexidade non sempre é comprendida pola lóxica cidadá dos estados”. Lembraba que, se ben entre xaneiro e febreiro de 1939 450.000 republicanos, militares e civís, cruzaron a fronteira con Francia, “estamos tamén na actualidade en tempo de migración e exilio masivos”.