Joaquín Balboa, de Monterrei ao campo de concentración de Mauthausen 27 de abr. de 2017

Visto 667 veces

Joaquín Balboa, de Monterrei ao campo de concentración de Mauthausen

Joaquín Balboa naceu en Estevesiños (Monterrei) en 1908 e morreu na súa aldea natal en 1994. Entre estas dúas datas, a súa vida foi un reflexo da historia de España e de Europa: emigrante en Barcelona, combatente republicano na Guerra Civil, exiliado en Francia e preso nos campos de concentración nazis. A súa memoria, xunto coa de outras moitas vítimas galegas do nazismo revive esta semana nunha exposición fotográfica na Facultade de Filoloxía e Tradución e nun relatorio impartido este xoves polo profesor Eladio Anxo Fernández Manso. Estas actividades, impulsadas polos investigadores Xoán Manuel Garrido e Óscar Ferreiro, do grupo TI4 Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, teñen como obxectivo recuperar a memoria das vítimas do Holocausto, un dos piares da liña de investigación Memoria e Tradución do seu grupo. Como destacaba o director do grupo, José Yuste, na inauguración desta actividade, “para interpretar a experiencia do exilio hai que conxugar as identidades de partida e de chegada, suscitando e expoñendo unha dinámica de multipertenencia cuxa complexidade non sempre é comprendida pola lóxica cidadá dos estados”. Lembraba que, se ben entre xaneiro e febreiro de 1939 450.000 republicanos, militares e civís, cruzaron a fronteira con Francia, “estamos tamén na actualidade en tempo de migración e exilio masivos”.

Presenta: José Yuste Frías
Profesor Titular do Departamento de Tradución e Lingüística, Investigador Principal do Grupo de Investigación TyP e Director dos programas Web-TV Zig-Zag, Exit e Pilulas TyP
Presenta: Xoán Manuel Garrido Vilariño
Profesor do Departamento de Tradución e Lingüística, Investigador Titular do Grupo de Investigación TyP
Eladio Anxo Fernández Manso
Profesor de Xeografía e Historia, IES Antón Losada