Día das Universidades Saudables 4 de out. de 2018

Visto 101 veces

Día das Universidades Saudables

Os tres campus participaron no reto "5000 doazóns", e repartiuse froita para fomentar unha alimentación equilibrada

A Universidade de Vigo uniuse a dúas iniciativas complementarias. Por unha banda, ao #Reto5mil doazóns e, por outra, ao #IIRetoFrutaREUS. A primeira destas actividades consistiu nunha campaña de doazón de sangue en rede, coa que se pretende conseguir 5000 doazóns de sangue ao longo do día entre todas as universidades participantes, un total de 20 institucións de 15 comunidades autónomas. Para iso, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) instalou nos tres campus as súas unidades móbiles para que toda a comunidade universitaria puidese tomar parte deste reto promovido dende a Rede Española de Universidade Saudables (REUS).

Paralelamente desenvolveuse o Reto da Froita, unha campaña de reparto de mazás e plátanos entre a comunidade universitaria coa que se busca incentivar o consumo da froita como un alimento saudable, fronte a outro tipo de produtos procesados e de menor valor nutricional.

Por outra banda, dende ADOS tamén apostaron por entregar unha froita a todas aquelas persoas que participasen na doazón de sangue, e salientaron a dobre vertente deste Día das Universidades Saudables: por unha banda, promover e sensibilizar a prol do solidario xesto da doazón e por outra, fomentar hábitos de vida saudables entre as comunidades universitarias dos sete campus galegos.


Vídeos da mesma serie
Día das Universidades Saudables
Os tres campus participaron no reto "5000 doazóns", e repartiuse froita para fomentar unha alimentación equilibrada
4 de out. de 2018