Monólogo de Iria Pinheiro 21 de nov. de 2019
Monólogo de Iria Pinheiro
A festa do deporte da Universidade de Vigo trasladouse este ano ao campus de Ourense. 41 persoas e colectivos, principalmente da comunidade universitaria pero tamén alleos a ela, foron galardoados na celebración da XXVIII Gala do Deporte Universitario. Elas e eles recolleron os seus galardóns en recoñecemento ao seu compromiso co deporte e cos seus valores. “O deporte pode ser unha ferramenta idónea para facer mellores persoas que fagan unha sociedade mellor”, recalcou na cerimonia Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.
O acto de entrega de premios, que se celebra de xeito rotatorio cada ano nun campus da Universidade de Vigo baixo a organización da Área de Benestar, Saúde e Deporte, tivo lugar no salón de actos do edificio Politécnico. Presentado pola actriz Iria Pinheiro, actuou de madriña Almudena Pazos, bombeira galardoa en competicións internacionais de policías e bombeiros e campioa galega de orientación. “Hoxe é un día de festexo pero tamén de reivindicación, pois con esta festa visibilizamos os valores que moven á comunidade deportiva da Universidade, celebramos así a disciplina, o traballo en equipo, a constancia e o esforzo das persoas que día a día incorporan o deporte ás súas vidas”, salientou Iria Pinheiro na presentación do evento. Pola súa banda, Almudena Pazos fixo un alegato sobre a importancia de rachar o teito de cristal no deporte, na educación e na sociedade para que “as nenas e os nenos poidan ser o que queiran ser”.
O compromiso coa igualdade e a valorización do deporte feminino tamén foi recalcado polo reitor no seu discurso, reafirmando “o compromiso inequívoco co reto da igualdade” da institución académica. “Precisamos tamén empregar o deporte como unha ferramenta que permita visibilizar que as mulleres poden, que as mulleres podedes, que todo se pode conseguir con esforzo”, afirmou Reigosa. Agradecendo ás e aos deportistas presentes “a excelente representación que fixestes da nosa Universidade en campionatos de todo tipo”, o reitor recalcou como os valores do deporte, como o esforzo, o traballo en equipo, a solidariedade e o xogo limpo, deben estar presentes no día a día e en cada egresado e egresada da Universidade. “Queremos utilizar o deporte para mellorar como Universidade e para mellorar como sociedade”, dixo.
Fonte: DUVI