Proxección do video resumo do proxecto SignaMed 28 de xuño de 2023

Visto 11 veces

Proxección do video resumo do proxecto SignaMed

As persoas xordas enfróntanse no seu día a día con barreiras comunicativas en múltiples ámbitos que dificultan a súa plena integración como cidadáns de pleno dereito. Para a maioría dos trámites que aos oíntes lles resultan triviais as persoas xordas precisan ir acompañadas dun intérprete ou un familiar, pero isto non sempre é posible, sobre todo, cando se trata dunha emerxencia. “A atención en urxencias é un dos casos nos que, por definición, a planificación coa antelación suficiente non é posible e isto agrávase pola ausencia de intérpretes nos servizos de urxencias”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic José Luis Alba, coordinador de SignaMed, un proxecto financiado pola FECYT na modalidade de ciencia cidadá cuxo principal obxectivo consistiu no desenvolvemento colaborativo do primeiro dicionario multiplataforma, accesible vía web desde calquera dispositivo, de termos de saúde en Lingua de Signos Española, LSE.

Tras a proxección dun vídeo resumo do proxecto, o responsable explicou que o dicionario contén máis de 300 signos relacionados coa saúde e 231 definicións en LSE, consultables tanto en texto como signando fronte á cámara web ou do móbil. “O último modelo dispoñible recoñece cun acerto do 94% 120 signos e variantes e, pouco a pouco, iranse integrando os restantes”, salientou Alba, ao tempo que explicou que para a posta en marcha desta ferramenta se desenvolveron diferentes modelos de intelixencia artificial que permitiron ir recoñecendo, a medida que se incorporaban, calquera signo ou variante do dicionario.

Desenvolto coa axuda da FAXPG, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e coa cooperación de colaboradores e colaboradoras anónimos da comunidade xorda, ao abeiro de SignaMed producíronse seis píldoras divulgativas para explicar a tecnoloxía de intelixencia artificial desenvolta e lanzáronse tres competicións para facer a participación máis entretida, repartindo premios aos maiores contribuíntes de cada competición. “Todos estes contidos, páxina web, aplicación, píldoras divulgativas e competicións están accesibles en español e LSE”, recalcou o coordinador.

Fonte:DUVI

Maribel del Pozo
Vicerreitora de Internacionalización
José Luis Alba Castro
Profesor Titular da Universidade de Vigo, Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións