Faladoiro sobre tradución galega. Quenda de preguntas 28 de set. de 2023

Visto 7 veces

Faladoiro sobre tradución galega. Quenda de preguntas

Para celebrar o 20.º aniversario de Bitraga, tiveron lugar varios actos tanto no campus como na sede institucional da UVigo na cidade, o edificio Redeiras. Pola mañá, o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu unha conferencia do profesor Burghard Baltrusch co título Walter Benjamin e a filosofía da tradución: un século con «A tarefa de quen traduce». Nela abordou o texto publicado hai 100 anos Die Aufgabe des Übersetzers (A tarefa-abandono de quen traduce), do crítico e filósofo berlinés Walter Benjamin, quen con el prologaba a súa tradución ao alemán dos Tableaux Parisiens de Charles Baudelaire. O texto de Benjamin, documento fundamental nos estudos de tradución, foi traducido e retraducido a numerosas linguas. A súa primeira tradución ao galego foi publicada en 2007 na revista Viceversa da Universidade de Vigo.

Xa pola tarde, en Redeiras desenvolveuse un faladoiro sobre tradución galega no que participaron as escritoras Fina Casalderrey, Premio Nacional de LIX 1996, e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, xunto coa tradutora e editora Patricia Buxán. Tanto no caso de Casalderrey como no de Carballeira, as súas obras están publicadas en moitas outras linguas alén do galego, dende as linguas peninsulares, até braille, inglés, italiano, francés, portugués ou alemán e mesmo en turco, coreano, chinés, serbio e bretón. Ademais, son tamén tradutoras a español tanto das súas propias obras como das doutras autorías. Pola súa banda, Patricia Buxán ten unha ampla traxectoria no mundo da tradución profesional en Galicia e é responsable de que hoxe se poidan ler en galego, entre outros, a Stefan Zweig, Patrick Süskind ou a Heidi de Johanna Spyri, ademais dos ensaios de Albert Einstein ou George Steiner. É tamén editora en Catro Ventos e tradutora a galego de obras de vangarda sobre emerxencia climática, ecoloxía e feminismo. 
Fonte: DUVI

Fina Casalderrey
Mestra e creadora
Patricia Buxán
Tradutora e editora
Paula Carballeira
Escritora e narradora oral
Modera: Iolanda Galanes
Profesora do Departamento de Tradución e Lingüística, membro do grupo Bitraga, Universidade de Vigo