VI edición dos premios Incuvi-Emprende 2017 16 de mar. de 2017

Visto 1018 veces

VI edición dos premios Incuvi-Emprende 2017

A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Este xoves desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra. As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres.

Vicerreitora de Estudantes, Universidade de Vigo