Apertura do acto polo Reitor da Universidade de Vigo 24 de feb. de 2016
Apertura do acto polo Reitor da Universidade de Vigo
A presencia da Universidade de Vigo na BAE Gabriel de Castilla, Illa Decepción
Ás 11.00 horas da mañá en Galicia, 07.00 horas na base Gabriel de Castilla da illa Decepción, na Antártida, arrancaba unha das clases máis peculiares que os estudantes de Ciencias do Mar van ter durante a súa etapa universitaria. Dende o continente xeado, e salvando a diferenza horaria, os tres científicos da Universidade de Vigo que participan na Campaña Antártica explicáronlles en que consiste o proxecto de investigación que están a desenvolver a preto de 14.000 km de distancia. O reitor, Salustiano Mato, a decana de Ciencias do Mar, Belén Rubio, xunto con docentes e estudantes da facultade asistiron a esta videoconferencia con Mariano Lastra, Jesús López e Jesús Souza Troncoso, que levan dende a primeira semana de febreiro traballando nas praias da baía Foster da illa Decepción. O proxecto, sexto deste grupo de investigadores no continente antártico, ten unha duración total de tres anos, un orzamento de 50.000 euros, e comprende dúas campañas na Antártida, a deste mes de febreiro e outra xusto un ano despois. O seu estudo céntrase nos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas en intermareais sedimentarios e desenvólvese en colaboración con investigadores da USC.