Núñez Feijóo ratifica o “compromiso inalterable” da Xunta co desenvolvemento de Campus do Mar na ETEA 29 de mar. de 2017
Núñez Feijóo ratifica o “compromiso inalterable” da Xunta co desenvolvemento de Campus do Mar na ETEA
O compromiso do goberno galego será inalterable con este proxecto. Porque o temos acordado, porque o temos pactado, porque imos cumprilo e porque somos conscientes de que é un proxecto que temos que materializar con urxencia”. Nestes termos referiuse ao desenvolvemento do proxecto de Campus do Mar en terreos da ETEA o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa primeira visita institucional á Universidade de Vigo, onde se reuniu co reitor, Salustiano Mato, e co seu equipo de goberno, así como coas comisionadas e comisionados da institución académica. Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular do Goberno galego detallou o investimento que se destinará ao desenvolvemento do proxecto e que cifrou en oito millóns de euros, “entre os fondos da Xunta de Galicia e de Zona Franca”, uns fondos que, non obstante, lembrou Feijóo, precisan que haxa un desbloqueo previo das instalacións de Campus do Mar na ETEA para poder ser aplicados. “Estamos falando de dous millóns de euros de fondos Poptec, Programa Operativo de Cooperación Transfronteirizo España-Portugal, que imos pechar na reunión que terá lugar en Faro o vindeiro 6 de abril. Estamos a falar doutros tres millóns de euros, que o conselleiro de Facenda notificou ao reitor hai escasas datas para comprometer por parte da Xunta de Galicia fondos propios. E estamos a falar doutros tres millóns de euros da Zona Franca para rehabilitar o Edificio Siemens. En definitiva estamos pendentes de executar oito millóns de euros de forma inmediata no Campus do Mar na ETEA”, detallou Feijóo, que reiterou que o compromiso da Xunta de Galicia co Campus de Excelencia Internacional “non ten volta atrás, está no presuposto”. Feijóo manifestou a súa confianza de que entre todos “sexamos capaces de trazar este camiño pronto e seguro para que o Campus do Mar sexa o que ten que ser, un campus para investigar, para internacionalizar a nosa universidade e para facer a Galicia unha das zonas máis importantes na investigación no ámbito do mar e da eólica mariña de Europa. Modernidade, unidade e colaboración é o que vimos a propoñer” dixo o titular do executivo autonómico.