Premios Excelencia Académica 2017-18. Acto completo 20 de abr. de 2017

Visto 458 veces

Premios Excelencia Académica 2017-18. Acto completo

Máis do 70% do alumnado de novo ingreso con mellor expediente académico está a estudar unha enxeñaría ou o programa de simultaneidade entre os graos de Dereito e Administración e Dirección de Empresas. Este xoves entregáronse na sala 1 do edificio Miralles os Premios á Excelencia Académica ao estudantado que este ano se incorporou ás aulas da Universidade de Vigo e que ten un expediente brillante -mínimo de 8.5 de nota media do Bacharelato ou ben dun 9 nun ciclo superior de Formación Profesional-. Trátase, tal e como salientaron o reitor, Salustiano Mato, e a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, dun pequeno recoñecemento público ao seu talento e esforzo, demostrado con creces na súa etapa de estudantes previa á Universidade, e un pulo para animalos a continuar por ese camiño. Entregáronse un total de 38 premios, 21 alumnos e 17 alumnas que asistiron ao acto de entrega acompañados nalgúns casos polos seus pais e noutros por docentes do instituto, para quen houbo tamén verbas de recoñecemento. Recibiron como agasallo cadansúa tableta e un diploma acreditativo que foron recollendo un a un de mans do reitor, quen lles deu as grazas por ter elixido a Universidade de Vigo como lugar no que formarse, “todo un orgullo para nós como institución”, xa que, tal e como lles salientou tamén a vicerreitora de Estudantes, “sodes unha representación do mellor do alumnado de novo ingreso e esperamos de vós o mellor, que non consiste só en que consigades unhas notas brillantes, senón tamén que sexades exemplo e estímulo para todos nós”, ao que engadiu que é importante recoñecer o esforzo “porque sen el non hai superación persoal nin progreso”.

Presenta: Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor, Universidade de Vigo
Vicerreitora de Estudantes, Universidade de Vigo
Equipo técnico Agustín Martínez Ave
Técnico

Vídeos da mesma serie