25 anos 'Xerando Actitude Uvigo' 8 de xuño de 2015
25 anos 'Xerando Actitude Uvigo'
Rolda de prensa
Os 25 anos da Universidade de Vigo son tamén 25 anos de estreita relación entre a comunidade universitaria dos tres campus e as tres cidades do sur de Galicia que lles dan acubillo. Un cuarto de século no que a transferencia de coñecemento e de innovación forneceu o tecido empresarial galego, no que os investigadores e investigadoras se puxeron ao servizo da contorna, no que a sociedade se converteu en parte esencial da vida universitaria e no que a cultura e o deporte serviron como nexos de unión para levar a Universidade ás cidades. Por iso, na campaña de captación de alumnado que este ano coincide coa celebración do 25 aniversario da Universidade, a proximidade coa sociedade e coa contorna empresarial ten un peso especial. O reitor Salustiano Mato, presenta publicamente a nova campaña promocional, por primeira vez con carácter autonómico, que adopta o lema do 25 aniversario: Xerando Actitude Uvigo. As accións comunicativas aséntanse nas catro patas que sustentan á Universidade: o alumnado, o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos e a sociedade.