Vídeos de Oceanógrafos polo Mundo 5 de maio de 2017
Vídeos de Oceanógrafos polo Mundo
Nos 25 anos de existencia da titulación de Ciencias do Mar, das súas aulas saíron 2200 titulados e tituladas que na actualidade traballan en eidos tan diversos como xestión e planificación do litoral, bioloxía mariña, xestión dos recursos pesqueiros e acuicultura, ecoloxía e conservación do medio mariño, xeoloxía mariña, botánica mariña, biotecnoloxía ou enerxía renovables mariñas. Co gallo da celebración deste cuarto de século dunha carreira, a Facultade de Ciencias do Mar organizou a xornada Oceanógrafos polo mundo, un encontro con antigos alumnos e alumnas das primeiras promocións co obxectivo de dar a coñecer as súas competencias laborais e as habilidades transversais que os converteron en profesionais recoñecidos. O alumnado actual e futuro e a sociedade en xeral puideron coñecer de preto a través da experiencia de nove egresados e egresadas o amplo abano de “destacados papeis que oceanógrafos e oceanógrafas desenvolven na actualidade”. No acto de apertura deste encontro Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, Rosa Quintana, conselleira do Mar e Belén Rubio, decana da Facultade de Ciencias do Mar coincidiron en destacar a versatilidade dos titulados de Ciencias do Mar e a consolidación dunha carreira exclusiva en Galicia, que so se imparte en seis universidades de todo o estado.