Fab Lab Laboratorio Creativo no Pont Up Store 2018 6 de nov. de 2018
Fab Lab Laboratorio Creativo no Pont Up Store 2018
Poñer en valor o “talento transformador” dos emprendedores e emprendedoras é o propósito central do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento impulsado pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, no que 45 novas empresas, seleccionadas de entre 144 candidaturas, dan a coñecer os seus produtos e servizos no recinto instalado na praza de España pontevedresa. Recinto que acolleu a inauguración dun encontro que permite demostrar tamén “que o país ten moita vitalidade”, como salientou o profesor Pedro Figueroa, presidente do comité organizador dun evento que se complementa coa organización de máis de 40 actividades en diferentes puntos da cidade.
“Esta é unha iniciativa moi ben encamiñada co ADN da Universidade de Vigo”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, neste acto, no que puxo de relevo a aposta “pola integración da Universidade no tecido socioeconómico” e a vontade da institución de “devolver á sociedade o que a sociedade nos dá”. Nun acto inaugural que reuniu a representantes do Concello, Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, AJE Pontevedra, Abanca e , e no que participaron tamén o vicerreitor do campus, Jorge Soto; e as vicerreitoras de Transferencia, Consuelo Pérez, e Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor a importancia da colaboración entre institucións á hora “dar visibilidade a pé de rúa á capacidade das empresas”. Nese mesmo senso, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, salientou que promover “a cultura do emprendemento é unha tarefa, que polo seu tamaño e transcendencia, esixe da participación de todos”.