Presentación de traballos do alumnado inspirados na obra de Xela Arias 21 de maio de 2021
Presentación de traballos do alumnado inspirados na obra de Xela Arias
Amor de Nai (Vídeo)
A que un día foi tamén a súa universidade, a Universidade de Vigo, uniuse este xoves á homenaxe que se lle rende este ano no Día das Letras Galegas a Xela Arias. Familiares da escritora, autoridades, membros da comunidade universitaria e futuros mestres e mestras coma a escritora lucense déronse cita nun acto na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense no que, recollendo o gusto de Xela por achegar a poesía a outras artes, a través da palabra, da fotografía e da música se quixo render tributo a esta poeta, tradutora e mestra.
A homenaxe contou coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social; José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, e Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística. Nas súas palabras, o reitor da UVigo quixo destacar “a importancia da figura de Xela Arias para o desenvolvemento da nosa cultura”, unha figura que, afirmou, “axigántase, faise cada vez máis grande e nos vai permitir chegar con ese afán de modernidade a unha nova xeración de galegos e galegas que seguramente van sentirse moito máis cómodos e orgullosos da súa lingua, da súa cultura e de como somos os galegos e galegas”. Manuel Reigosa subliñou a relevancia de pór en valor o legado cultural e de traballar desde o eido universitario pola normalización lingüística, para rematar desexando “mil primaveras máis para a nosa lingua”. Igualmente, Monica Valderrama recalcou como Xela Arias foi “unha figura transgresora, adiantada ao seu tempo, que pola súa obra e imaxe é unha oportunidade para achegar a creación literaria a un público máis novo”.
Pola súa banda, Valentín García destacou a relevancia da conmemoración do Día das Letras Galegas sinalando como “non é nada común que un país renda un tributo desta categoría á súa lingua, á súa literatura, á súa cultura”. Da homenaxeada este ano salientou como “foi unha gran mestra, de vida, de estética literaria, de ética, e tamén mestra de profesión, filla dun gran mestre, Valentín Arias, e nai de Darío, que tamén é mestre”. Ademais, o secretario xeral gabou o compromiso da Universidade de Vigo no impulso e defensa da lingua galega, algo que, afirmou, “nos enche de honra como país”.