'As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista' 6 de mar. de 2024
'As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista'
Celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución baixo o título As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista, reuniu ás actrices galegas Patricia de Lorenzo e Arantza Villar. Nunha conversa sobre as súas experiencias e reflexións arredor da posición das mulleres no teatro, desde unha perspectiva feminista, fixeron fincapé na importancia “da prevención e da educación” como elementos “fundamentais” porque rachar “esa estrutura patriarcal que temos”.
O alumnado e profesorado asistente a esta conversa puido coñecer de primeira man, por exemplo, que a artes escénicas galegas son pioneiras a nivel estatal, ao seren as primeiras en dotarse dun protocolo sectorial contra o acoso por razón de sexo, xénero ou orientación sexual que abrangue a todos os traballadores e traballadoras implicadas nunha produción, dende o persoal técnico, de elenco, músicos, etc. “Entre todos construímos un documento, de carácter preventivo, que nos permite visualizar os comentarios, comportamentos ou actitudes machistas e nos axuda a saber como debemos relacionarnos nunha produción escénica”, explicaban. Ambas recoñecían que, se ben é certo que “nas artes escénicas pode haber unha certa sensibilidade por estas cuestións”, existía unha carencia evidente deste tipo de protocolos que axudan a “describir o que é un comportamento adecuado”. Neste sentido, as dúas actrices tamén reflexionaron sobre a necesidade de estender o protocolo das artes escénicas ao eido audiovisual, xa que deste sector proceden principalmente as queixas por discriminación, acoso ou comportamentos indebidos. “É unha ferramenta fundamental, polo labor de prevención, pero tamén porque externaliza a persoa que vai recibir a queixa, algo moi importante nun sector no que as empresas están moi atomizadas e nas que nos coñecemos todos”.
Na conversa, moderada pola profesora Maruxa Cabeza, tamén reflexionaron sobre a existencia dun teatro feminista, que non é máis que aquel que “promove a igualdade entre as persoas” e que racha “cos roles e estereotipos do patriarcado dentro da propia narrativa dos espectáculo” e permite abordar as producións “con outra mirada e perspectiva”. Arantza Villar, que actualmente preside a Asociación Galega de Actores e Actrices, e Patricia de Lorenzo, que acaba de ser nomeada xestora da Asociación de Compañías Galegas, tamén reflexionaron sobre o humor como ferramenta para falar de feminismo e para denunciar e poñer sobre a mesa os comportamentos patriarcais. En palabras de De Lorenzo, “o humor é a ferramenta máis intelixente, sobre todo para temas de este calado e transcendencia” e permite “falar de feminismo sen que o pareza”, engadía Villar.
Fonte: DUVI