Un simulacro de accidente múltiple puxo inicio ao programa de sensibilización ‘Cero Violencia Viaria’ 14 de out. de 2015
Un simulacro de accidente múltiple puxo inicio ao programa de sensibilización ‘Cero Violencia Viaria’
As actividades continuarán na Xunqueira nas tardes dos mércores ata o 11 de novembro
Efectivos da Policía Local, Bombeiros de Pontevedra e 061 achegáronse este mércores ata o campus para converterse en protagonistas do arranque do programa de sensibilización Cero Violencia Viaria, que impulsan Concello, Policía Local, Direción Xeral de Tráfico e Vicerreitoría do campus. Fixérono para pór a proba a súa capacidade de resposta e coordinación ante un accidente múltiple, nun simulacro que contou coa participación dos alumnos do obradoiro de teatro que promove a Vicerreitoría, e que interpretaron o papel das nove vítimas do accidente neste primeiro acto dun programa que encherá de concienciación viaria A Xunqueira nas tardes dos mércores, desde esta xornada e ata o 11 de novembro. De feito, trala celebración deste simulacro, a actividade continúa nesta xornada cunha mesa redonda sobre as relacións entre peóns e automobilistas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa participación do intendente xefe da Policía Local, Danuel Macenlle; a representante do Colexio de Psicólogos de Galicia María Jesús Sánchez; e a presidenta de STOP Accidentes, Jeanne Picard, así como tamén de representantes da institución académica e dunha persoa que cumpriu unha pena de cárcere por un delito contra a seguridade do tráfico.