De a maior flor do do mundo a o lagarto: José Saramago para os máis novos 5 de dec. de 2017
De a maior flor do do mundo a o lagarto: José Saramago para os máis novos
II jornadas de José Saramago
Durante os pasados días 4 e 5 de decembro celebráronse, na Casa das Campás de Pontevedra, as II Xornadas José Saramago organizadas pola I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo e co apoio do proxecto de investigación POEPOLIT. Esta segunda edición xiraba arredor de tres eixos: comunicación, arte e política e, precisamente estes foron os temas principais de grande parte das comunicacións e conferencias ofrecidas ao longo das xornadas. Son varias as conclusións/consideracións que se poden extraer do diálogo que se produciu nas once comunicacións e conferencias ofrecidas estes días. En primeiro lugar, salientouse xa desde o acto de apertura -á cargo do cofundador da cátedra Burghard Baltrusch; a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García; e o Vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho- a capacidade interartística da obra de Saramago, algo que ratificaron, entre outros, a profesora da Universidade Sorbonne Nouvelle Egídia Souto, quen demostrou o poder imaxético dos textos saramaguianos na súa conferencia titulada "As intermitências da morte ou a tentação para celebrar as danças macabras: o esqueleto apaixonado". Alí comparou a representación da morte na novela As intermitências da morte con diversas formas de ilustrala e recreala na tradición occidental -como as danzas macabras. É precisamente este poder visual nas obras de Saramago o que fai tan importante unha análise das ilustracións que acompañan os seus libros, tema que foi tratado en varias das conferencias. Por un lado, Carlos Nogueira (Universidade de Vigo) fíxoo na súa análise do libro infantil "A maior flor do mundo" e da curtometraxe que se fixo baseándose nel. Durante a conferencia de clausura, Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo) analizou e comparou a historia contada nos versos saramaguianos de O ano de 1993 e a que contan as ilustracións de Graça Morais para a edición do libro de 1987.