Intervención de Yolanda Castaño. Coautora de "Six Galician Poets" 10/03/2017

Visto 879 veces

Intervención de Yolanda Castaño. Coautora de "Six Galician Poets"

Facer voar máis aló das fronteiras do país as letras e as voces da poesía galega actual. Este é o gran mérito, a xuízo dos asistentes a súa presentación, da antoloxía Six Galician Poets, un libro bilingüe promovido pola editora británica Arc Publications co apoio da Xunta de Galicia e que esta mañá se presentou na Facultade de Filoloxía e Tradución coa participación de boa parte de todas e todos os que fixeron posible que este proxecto internacional vise a luz: poetas, editora, tradutor e autoridades implicadas. O novo volume, presentado no Reino Unido o pasado mes de decembro e que agora ve a luz en Galicia, recolle unha escolma de poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Chus Pato, Estevo Creus, María do Cebreiro e Daniel Salgado, reescritos en inglés polo profesor do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, poeta e tradutor keith Payne, que puxo todo o seu empeño en “traducir a música das súas voces, seis voces moi distintas, pero cun fío común, o galego”, tal e como el mesmo indicou. Na presentación do volume coincidiron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o decano da facultade, Luis Alonso Bacigalupe; os poetas Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Estevo Creus e Daniel Salgado; a editora da antoloxía e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Manuela Palacios; o tradutor, Keith Payne, e o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Alberto Álvarez-Lugrís, que fixo fincapé no importante papel de difusión da poesía galega, sobre todo nos países de lingua anglófona, que cumpre este volume.

Poetisa e crítica literaria