Presentación de Rodolfo Maslias 18 de set. de 2018
Presentación de Rodolfo Maslias
Intervención de Maribel del Pozo Triviño
Na súa conferencia, organizada pola facultade e o grupo de investigación Bifega, Maslias incidiu na importancia da cooperación entre as institucións europeas no ámbito da terminoloxía, “unha cuestión moi importante para nós porque a lexislación común europea tradúcese en 24 idiomas e ten que ter unha concordancia absoluta e iso quere dicir que os textos traducidos son textos orixinais, leis europeas, que se converten en leis nacionais”, explica o xefe de Coordinación Terminolóxica do Parlamento Europeo. Con máis de 5000 profesionais da tradución nunha decena de institucións, Maslias refírese á UE como “a máquina lingüística máis grande do mundo”, unha estrutura na que se integra a dirección xeral da tradución formada por 24 unidades con 30 tradutoras e tradutores cada unha, que se ocupan da terminoloxía. “A nosa unidade, formada por 10 persoas, encárgase da coordinación do traballo dunha rede de 120 terminólogos nos 24 idiomas da UE e coordinamos o seu labor para meter a terminoloxía en IATE”, unha base de datos con máis de 11 millóns de termos en 24 linguas, o que a converte no repositorio multilingüe máis grande do mundo, que cubre máis dun cento de ámbitos da lexislación europea, explicou Maslias nun ateigado salón de actos da facultade.