Acto de apertura do I Foro de Emprego 27 de feb. de 2019
Acto de apertura do I Foro de Emprego
Reitor, decano e concelleiro de Facenda coinciden en salientar a importancia deste tipo de eventos
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais transformouse este mércores nun auténtico recinto feiral no que se deron cita algunhas das principais firmas españolas de servizos profesionais (Garrigues, Nueva Pescanova, Deloitte, Abanca, Grupo Iberconsa...) e un gran número de alumnos e alumnas desexosos de amosar o seu talento a quen, en breve, serán os seus empregadores/as. Falamos do I Foro de Emprego, unha cita que nace cun dobre obxectivo: “achegar as empresas e despachos profesionais ao alumnado e ofrecerlle a estas firmas a posibilidade de que se dean a coñecer e de captar talento”, tal e como recalcou o decano da facultade, Jorge Falagán, na inauguración do encontro, momento no que estivo acompañado polo reitor, Manuel Reigosa; o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros e o alumnado que forma parte do equipo de voluntariado do foro, un grupo de máis de vinte estudantes “que colaboraron con nós para que todo isto sexa un éxito e que nos axudan a garantir a súa continuidade futura”.
“Unha boa universidade é aquela que ten bos profesores e estudantes talentosos, iso témolo, pero seguimos tendo puntos febles que penso que vale a pena ilos superando, facendo cada vez máis forza na dinamización do espazo socioeconómico, indo sempre da man da empresa e da industria”, salientou na súa intervención o reitor, que fixo fincapé na importancia deste tipo de eventos nos que se poñen en contacto as empresas e o alumnado, un aspecto no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Facenda, quen lles recalcou que “o voso éxito será tamén o noso éxito”.