Intervención de Manuel J. Reigosa Roger 11 de mar. de 2019
Intervención de Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu a celebración da xornada As bondades do consumo de aceites de oliva virxe. A cita, organizada polo Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, permitiu ao público asistente coñecer como a investigación de vangarda está a permitir identificar e aproveitar os beneficios que ten o consumo deste alimento no eido da saúde.
Esta actividade de divulgación e transferencia do coñecemento, explicou Beatriz Cancho, a súa coordinadora, enmárcase nas accións de dous proxectos de cooperación territorial europea Interreg V-A España Portugal (Poctep) 2014-2020 nos que participa o Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias, que son Nanoeaters e Iberphenol. “Unha das nosas liñas de investigación é a mellora sensorial da calidade dos alimentos e dentro desta liña vimos traballando desde hai xa moitos anos en colaboración co sector oleico da provincia principalmente arredor das variedades locais, a brava e a mansa, para contribuír a desenvolver aceites cun valor diferencial na comunidade autónoma galega”, comentou Jesús Simal en nome do grupo organizador na inauguración da cita.
Na clausura da xornada Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, salientaron así mesmo a importancia deste sector para a institución académica, para a cidade e para a provincia. “Quero aproveitar esta xornada para sacar peito”, dixo o reitor, subliñando como “neste momento a Universidade de Vigo está moi ben posicionada no ámbito da investigación agroalimentaria, especificamente polo que se traballa desde o campus de Ourense”.