Entrega de obsequios e orla dos alumnos do máster 28 de xuño de 2019
Entrega de obsequios e orla dos alumnos do máster
O auditorio da sede Afundacion acolleu o acto de graduación de catro novas promocións (dúas de grao e dúas máster) da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. As e os 33 alumnos das VI promocións dos graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e en Enxeñaría da Enerxía e as e os 13 das IV promocións do máster en Enxeñaría de Minas e en Xeoinformática recibiron as súas distincións nun acto que estivo presidido pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes, e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, en representación do reitor, e no que Patricia Durany Fernández, egresada do centro e compliance & systems manager da empresa británica Viridor, ofreceu unha lección maxistral.
A graduación contou coa presenza de representantes dos colexios profesionais (o decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Minas e o decano-presidente do Colexio de Enxeñeiros de Minas); así como delegado territorial da Xunta de Galicia; o concelleiro de I+D e dinamización administrativa do Concello de Vigo e a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Elena Alonso puxo en valor na súa intervención “a implicación e traballo realizado polo profesorado, PAS e alumnado do centro no desenvolvemento do proxecto formativo o longo dos últimos catro anos”, ao tempo que agradeceu a implicación e colaboración de empresas e entidades que, ao longo deste ano, implicáronse con centro.