“A creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores” 19 de set. de 2019
“A creación de riqueza a través do empuxe dos emprendedores”
Intervención de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo
Apoiar aos novos emprendedores e emprendedoras, axudándolles a dar visibilidade aos seus proxectos, e fomentar “o incremento da cultura emprendedora”, a través da organización de máis de 60 actividades. Estes son, segundo salientou o seu director, Pedro Figueroa, os dous obxectivos centrais do Pont-Up Store, o evento dedicado ao emprendemento que a Universidade de Vigo impulsa en Pontevedra, no marco do Campus Crea, co Concello como patrocinador principal. A aposta pola sustentabilidade e por proxectos relacionados co medio ambiente e o feito de que o 66% das 48 iniciativas empresariais seleccionadas estean lideradas por mulleres foron salientados por Figueroa como dous dos elementos definidores da sexta edición deste encontro do emprendemento, que, trala xornada previa, celebrou a inauguración do seu espazo central na praza de España.
168 candidaturas procedentes de toda Galicia optaron neste 2019 a participar neste espazo de emprendemento para o que finalmente foron seleccionados 48 proxectos. 34 deles presentan, este venres e sábado, os seus produtos e servizos, nos postos gratuítos dos que dispoñen no espazo central do evento e a eles súmase a participación doutra serie de empresas nas diferentes actividades demostrativas que teñen lugar no recinto e no Puntazo Exprés, coloquio no que dez novos emprendedores e emprendedoras defenderán os seus proxectos diante dos responsables de diferentes empresas.
Fonte: DUVI