Entrega de axudas 9ª edición INCUVI Emprende 4 de feb. de 2021
Entrega de axudas 9ª edición INCUVI Emprende
A covid 19 provocou que a sociedade se teña que adaptar ao teletraballo, a novas ferramentas de comercio en liña, a novos proxectos que facilitan a comunicación a distancia e que fan que o distanciamento social sexa máis levadío, pero se algo non cortou foi a ilusión e o espírito emprendedor do alumnado da Universidade de Vigo. Este xoves tivo lugar a entrega da IX edición dos premios Incuvi Emprende, a quinta dos Incuvi Avanza e a primeira dos Incuvi Consolida, unhas axudas coas que a Universidade de Vigo, da man de múltiples patrocinadores e colaboradores, quere axudar ás súas alumnas e alumnos máis emprendedores a pór en marcha as súas ideas para que cristalicen “se non todas, a maioría delas, en proxectos de éxito”, tal e como lles recalcou o reitor, Manuel Reigosa, nun acto de entrega de premios que, debido ás actuais circunstancias sanitarias, se levou a cabo de xeito virtual.
Xunto ao reitor contouse tamén coa participación do delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, que insistiron en achegar os seus parabéns e felicitacións aos promotores das 17 iniciativas que foron premiadas: doce axudas Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; catro axudas Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e, por primeira vez, unha axuda Incuvi Consolida para que aquelas iniciativas empresariais xa constituídas e que pasaron polo programa Avanza poidan seguir recibindo mentorización específica e unha axuda económica que lle facilite a súa consolidación empresarial.